‘A Pipa’ ultima unha gala literaria con Manuel Lourenzo

Novas: 

Fonte: O Progreso (27/11/2007)
A asociación becerrense vén de convocar a 16ª edición do seu premio de poesía e relato

A asociación cultural A Pipa, de Becerreá, vén de convocar o seu XVI Certame Literario, nas modalidades de poesía e relato, narración ou conto, todas en lingua galega. O concurso rematará cunha gala literaria na que participará o dramaturgo Manuel Lourenzo.
Os interesados en participar poderán enviar os seus traballos ata o día 22 de decembro ó enderezo Rúa Ancares, número 57, código postal 27.640 de Becerreá.
Os escritos deben presentarse anónimos, sinalando
neles a categoría e modalidade na que participan e adxuntando nun sobre pechado a identidade, enderezo e número de teléfono do autor.
O certame divídese en tres categorías dentro de cada unha das dúas modalidades: infantil, de 8 a 14 anos; xuvenil, de 14 a 18, e Revista A Pipa, para maiores de 18 anos.
Haberá un primeiro e un segundo premio para cada categoría, tanto para poesía como para relato, ademais dos accesits que o xurado estime oportunos.
Cada galardón consistirá nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con praca, un lote de libros e un título acreditativo. A asociación A Pipa non descarta que os traballos premiados poidan ser editados no futuro.
A cerimonia de entrega de premios será o 29 de decembro, na casa da cultura de Becerreá a partir das 21.00 horas, da man de Manuel Lourenzo. Coincidirá coa XV Noite Poética A Pipa 07, na que se representarán dúas pezas breves da súa autoría:
A velada de Londres e A Proba, dirixidas por Afonso Becerra e interpretadas por Laura Cuervo e Alberte Bello.