Cando María Jesús Teijeiro abriu as portas do negocio en Becerreá hai 36 anos na vila xa funcionaban outras dúas e na redonda non faltaban. Hoxe é case única na comarca, e a súa nova libreira, Mae Moll Pérez, non lle cambiará o nome
Fuente: EL Progreso NIEVES NEIRA 12 ABRIL 2021
María Jesús Teijeiro, mellor coñecida como Chus, non sabe moi ben por que montou en Becerreá, naquel 1984, unha librería. Zapaterías? Non, xa había moitas. Mercerías? Tamén. "Librerías só había outras dúas", comenta, consciente de que a cifra, hoxe, abraia. Naquel ano todas as vilas da comarca dos Ancares tiñan unha, ou varias: Baralla, As Nogais, Pedrafita, Cervantes, Navia de Suarna... Cada unha coa súa combinación, librería-ferretería, librería-estanco ou, coma no seu caso, librería-droguería e perfumería. Cos anos centrouse nos libros e na prensa, pero no cartel inda figura aquela primeira simbiose. E tamén o seu nome: Chus. A nova libreira, Mae Moll Pérez, decidiu mantelo tras collerlle o traspaso do negocio logo de 36 anos neste 2021. Non podía non facelo: Chus é unha institución.
Cantas cousas vivira xa aquela rapaza que, con 21 anos, decidiu montar o negocio no baixo da súa madriña, a mesma que anos antes a levara a Suíza. "Fíxate ti, que ata fun a Hollywood e trouxen un Óscar", conta, para retorcer con humor ese camiño difícil como nai solteira que a obrigou a deixar os estudos de Maxisterio en Lugo.
Tantos anos despois, a Mae tamén foi a busca de conciliación laboral o que a fixo coller as rendas do negocio. Oriúnda de Parcent, en Alicante, ela chegou hai anos a Becerreá como técnica forestal, e así coñeceu ao seu compañeiro, tamén de oficio. Con quendas de 12 horas cada un, e con destinos fóra da casa por un tempo, era inviable que os dous seguisen na profesión se querían coidar das súas dúas fillas. "Sempre renuncia a muller", di Mae. "Pero eu tampouco podía quedarme na casa e, de meterme noutra cousa, preferín meterme entre libros", conta. Así foi que o cartaz de se traspasa que Chus colgou na librería durou pouco máis dunha semana. Un traspaso acordado con Maribel González Trabado, a súa amiga dende os dez anos, a quen empregou no negocio e quen se implicou nel ata tal punto que "moita xente pensaba que ela era Chus", conta.
Nais, fillas, fillos. Desa forza nutriuse a librería, en moitos sentidos. Chus agradece aos veciños de Becerreá nesta andaina, pero tamén aos dos concellos da rodeada, especialmente aos de Cervantes. "De 200 nenos que estudaban alí, viñan á librería 198", indica. E as que viñeron collidas da man das nais, volveron collidos da man das fillas, fieis á súa libreira. Por suposto, Chus e Maribel currárono, coma ela di. Ás veces, a primera ten dado voltas por Lugo para atopar un libro que lle pedía un cliente. A segunda tamén llos ten encargado á súa filla, cando estudaba en Compostela, á mesma pequena á que lle confiaban un millón de pesetas para levar ao banco rúa arriba pola vila. "Imaxínate o que moviamos naquel momento", nese tempo no que había tantos pequenos e pequenas na zona. "A crianza nos Ancares é un luxo", reivindica agora Mae.
COMA NA CASA. Non foi por azar que Chus tivo durante tantos anos unha mesa camilla á entrada da librería. Quería que fose coma unha casa. Un lugar para comer os bocadillos de tortilla francesa que a súa nai lle preparaba a ela e a Maribel, ou castañas asadas cando era tempo. Un sitio para para que Óscar, o que veu de Hollywood, fincase os cóbados para estudar, ou onde falar con aquel home que para ela era coma un avó. Non todo era familia, claro. E ben se ve que Chus non ten reparo ningún en dicir o que pensa. "O día que viña un, digamos, que non era benvido, viñan todos", coma seguindo unha lei misteriosa que tamén facía que nunha mesma xornada vendesen todos os sobres que non se movían nun mes. Cousas veredes.
Hoxe en día case todas as librerías da comarca foron pechando, pero non esta. Chus viviu a súa profesión coma un servizo, e abrir todos os días no confinamento foi proba diso. E por iso agora, tanto ela como Maribel, pasan horas con Mae para introducila no oficio. "A última semana si que vos relaxastes un pouco", bromea a nova libreira, que 36 anos despois colle un negocio que non ten iguais na comarca, que compite con Amazon, que busca resistir. Se vivir nos Ancares é un luxo, ese luxo merece unha nova libreira.