Histórico do socialismo na Montaña, o tenente de alcalde nos últimos 15 anos en Becerreá, que vén de dimitir, iniciou a súa andaina na transición marcado por unha familia de esquerdas
FONTE: O PROGRESO 12/10/2022
A traxectoria política que pechou hai poucos días Claudio Vázquez, comezou, dalgún xeito, dende que naceu. A súa nai, Dolores Pérez Arrojo, púxolle ese nome ao seu fillo en lembranza do seu tío, Claudio Arrojo, que fora concelleiro en Becerreá por Izquierda Republicana, condenado a pena de morte a raíz do golpe de Estado do 1936 e executado en Lugo no ano 1938, o caso máis traumático dunha familia marcada pola represión franquista.
O que foi tenente de alcalde até o mes pasado con Galicia Sempre comezou a súa militancia no Partido Socialista no ano 1974. Nas primeiras eleccións democráticas municipais, no ano 1979, viu como se frustraba a lista socialista por dúas baixas no último momento. O partido, nese intre, só conseguira once votos dos case 8.000 electores no municipio.
Nas seguintes eleccións, no ano 1983, a lista que el encabezou lograría tres concelleiros. Con eses resultados comezaría a traxectoria na corporación dun político histórico da Montaña de Lugo, traxectoria que, como el recordaría en numerosas ocasións, veu marcada pola súa nai, Lola, que sempre ía votar cunha bufanda vermella coa que abrazaba de xeito simbólico o seu compromiso comunista.
Vázquez recordaba que a súa traxectoria veu marcada pola súa nai, que sempre ía votar cunha bufanda vermella, símbolo do seu compromiso comunista
Os resultados do 1983 repetíronse no ano 1987, tamén con Claudio como cabeza de lista. Nese tempo, compaxinou o traballo como concelleiro coa rexencia do bar Claudio, que montou na casa dos seus pais. No ano 1989 formou parte da candidatura de Lugo nas eleccións ao Parlamento de Galicia, como número sete.
Esta actividade en primeira liña tivo unha paréntese do ano 1990 até o 2001, cando marchou a Madrid a traballar nunha empresa de telecomunicacións, e máis tarde a Barcelona. Porén, neses anos, nos que a súa familia quedara na vila -na que se mantivo empadroado- continuou coa militancia socialista na agrupación local. Ademais, foi secretario xeral do partido na comarca da Montaña e, cando Manuel Martínez ocupou ese cargo, de organización.
A súa relación política con Martínez comezou xa nos anos 90, cando o que era deputado en Madrid encabezara a lista socialista en Becerreá no 1995. Claudio Vázquez integraríase na mesma no ano 2007, e nese ano o partido gañaría por vez primeira as municipais. Dende ese momento e até a súa dimisión o 29 de setembro foi concelleiro e tenente de alcalde no municipio.
Vázquez foi candidato polo PSOE nas municipais dos anos 1983 e 1987, e secretario xeral e de organización na comarca
A victoria do PSOE no municipio mantívose nos anos 2007, 2011 e 2015. Nesa última lexislatura, Vázquez sería o primeiro concelleiro socialista en apoiar a Martínez a raíz do seu conflito coa Deputación. As discrepancias provocaron en Becerreá a saída do partido de moitos dos militantes socialistas, integrados na lista independente Galicia Sempre, que logrou maioría absoluta en 2019. Naquel momento, Vázquez indicara a este medio que a saída se debía ao desacordo polo trato que recibira Martínez ao non ser nomeado presidente provincial, coma fora elixido en asamblea.
Claudio Vázquez coordinou dende a súa fundación en agosto de 2013 o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), e con anterioridade o Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). A decisión de Martínez de renunciar a manter a sede deste grupo no concello a finais do ano pasado, co conseguinte Ere para os traballadores, espertou a alerta sobre a postura de Vázquez, que se mantivo próximo a Martínez até agora. De feito, son varias as fontes que aseguran que a relación, alomenos no persoal, continúa a ser boa, despois de que a súa dimisión marque unha distancia no político de consecuencias aínda por peneirar no horizonte próximo das municipais.