Fuente: El Progreso (15/09/2011) Os veciños de Becerreá foron fieis á tradición e onte acudiron en masa a presentar os seus respectos ó Ecce Homo á igrexa de Saa, na parroquia de Cadoalla. Pero a celebración das festas do Santo, como as coñecen na zona, vai máis aló do fervor relixioso e xa se converteron nunha cita ineludible para pechar por todo o alto a tempada de celebracións estivais. |
As festas do Santo celébranse entre o martes e hoxe, pero xa dende o venres pasado os romeiros se afanaban en montar as casetas nas que levan facendo vida toda a semana. Estas vivendas, aínda que son temporais, non están improvisadas e foron acondicionadas con esmero.
Onte ó mediodía saía delas todo tipo de olores. Mentres uns facían o caldo outros asaban churrasco, guisaban carne ou cocían polbo. Non faltaba nada para desfrutar dunha comida de patrón coa familia e os amigos. Nas mesas non se escatimaba detalle e tamén coidaron ben o descanso. Sofás e colchóns espallados polo campo da festa serven de cama para os máis valentes, que pasarán varias noites nas casetas.
«O primeiro ano viñemos con catro paus e un plástico, pero este ano xa trouxemos a Play Station, televisión para ver o fútbol e todo o necesario para montar un pub», explica Isaías López, da caseta de Los Cazafantasmas. A súa instalación conta con equipo de música, altavoces, máquina de fume, flash e láser, todo o necesario para montar unha discoteca. Na noite do martes contaron cun pinchadiscos profesional.
As festas do Ecce Homo de Saa traspasan as fronteiras da parroquia de Cadoalla. A xente da zona programa as súas vacacións para non perder a romería e non hai becerrense que non leve un amigo. Moitos emigrantes volven estes días e onte compartían mesa e mantel con veciños e xente chegada de diversos puntos de España e países como Francia, Suíza ou Colombia, entre outros.
Desde Suíza veu Nicolás. Ésta é a súa primeira romería do Santo, pero todo apunta a que non será a última. «Vine con mi tío porque me habían hablado de la fiesta y me gusta, voy a volver», explica. Aínda así, amósase sorprendido pola intensidade da celebración. «Están muy locos, yo por la mañana me fui a dormir, pero otros no y todavía siguen de fiesta».
Onte ó mediodía as caras de cansanzo dos romeiros eran evidentes, pero todos aseguraban que ata hoxe se manterían ó pé do canón.
A orquestra D’Noche amenizaba a sesión vermú e os camareiros do bar non daban abasto. Só os pasodobres arrancaron da barra e da sombra ós máis valentes que, pese ós 30 graos de temperatura que había ás dúas da tarde, honraron ó patrón cuns pasos de baile ben marcados e deixaron claro que ás festas de Cadoalla non lles falta nada.