Fuente: El Progreso 10/09/2017 | Vanesa Bran
A Serra da Pena do Pico Sacro, en Becerreá, acolle este mosteiro que posúe unha impecable arquitectura e rincóns máxicos
Agochado no fermoso entorno natural da Serra da Pena do Pico, en Becerreá, eríxese o místico mosteiro de Penamaior, na parroquia que leva o seu nome.
Unha aura especial envolve todo o conxunto e recorda as batallas, lendas e rituais que nalgún tempo alí se celebraron e das que as robustas paredes de pedra foron testemuña.
Tal é así que o propio contorno monástico está custodiado pola tenebrosa Cruz de Ferro. "A xente tiña medo porque se dicía que os mortos da Santa Compaña se axeonllaban diante dela e ademais cando tronaba todos os raios ían parar alí", relata Gonzalo García, párroco que leva medio século dando misa na igrexa. Hoxe en día a cruz é de madeira pero os lugareños seguen tendo moi presentes as historias que a envolven.
"Cóntase que unha noite, un home chamado Xan Troula estaba axeonllado diante dela cando sufriu a descarga dun raio. Todos viron como o lume atravesaba o seu corpo elevándoo varios metros do chan e Xan caeu fulminado. Sen embargo, de súpeto levantouse e desde aquel día converteuse nun afamado arresponsador (vidente)", conta Xabier Moure, historiador e membro do colectivo Patrimonio dos Ancares.
O conxunto monumental foi mandado levantar polo abade do mosteiro beneditino de Carracedo, no Bierzo, para recibir aos peregrinos que ían a Santiago por unha nova variante do Camiño Francés, testemuñada polo monxe Künig de Vach e que a día de hoxe aínda non é oficial, polo que desde Patrimonio dos Ancares xa reclamaron que se recoñeza.
FUNDACIÓN. O ano exacto da construción da abadía non está claro, pero enmarcaríase no século XII. Tempo despois (no 1203) Penamaior converteuse no único mosteiro galego que dependeu de Citeaux, en Francia, pasando así a ser cisterciense. Dise que a comunidade relixiosa que residiu nel era pequena. "Nun tempo estiveron vivindo nel tres monxes e máis adiante sete", comenta o párroco. Das antigas dependencias consérvase moi pouco e actualmente son propiedade dun particular. "Só quedan en pé algunhas piastras que daban ao claustro e moitas das súas pedras foron aproveitadas noutras construcións", comenta Moure.
O que si se mantén en bo estado é a fermosa igrexa románica, do século XII, que foi declarada BIC. O seu interior recorda a un templo grecolatino coroado por robustas columnas que soportan os arcos que dividen a planta en tres naves. Ao fondo, o espazo remata en tres ábsides, unha central con forma pentagonal engalanada cun impresionante retablo e outras dúas ábsides circulares situadas en cada lateral.
Aparte da colosal arquitectura, cada recuncho do templo agocha unha sorpresa. "Cóntase que cando se arranxou o chan apareceron miles de ósos, polo que pensamos que este lugar, ao ser sagrado, serviu como sepulcro para centos de persoas", explica García. Outro dos tesouros que saíu á luz cando se restaurou a igrexa —hai uns seis anos— foi un calabozo onde había un sistema para torturar os presos polo método da goteira. "Maniatábanos e sobre a cabeza caíalles unha gota de forma intermitente que lles perforaba a tapa do cranio e lles podrecía os miolos", comenta Moure.
Hoxe en día, a sancristía ocupa o lugar no que se localizaba esta cela e aínda se pode observar o oco na parede no que metían a cadeira na que amarraban a quen ía a ser torturado. "Non sabemos quen eran os que levaban a cabo estas prácticas pero a existencia do calabozo está documentado e sábese que foi real", precisa o párroco.
A tradición tamén conta que preto do mosteiro estivo a famosa orde monástico-militar dos Cabaleiros do Temple. "Dicíase que a un quilómetro da zona se erixiu un castelo desde onde os templarios vixiaban a contorna. É certo que a esa zona se lle chama Pena do Castelo, pero nós nunca atopamos evidencias de que alí houbese unha torre", di Moure.
RELIQUIA. O broche de ouro aos tesouros que alberga este monumento pono unha das maiores reliquias do cristianismo que foron atopadas no mosteiro, o que o converte nun dos poucos en Galicia que a custodia: trátase dun Lignum Crucis. "Dise que é un anaco de madeira que conformaba a cruz orixinal na que foi crucificado e morreu Cristo", indica o párroco, que se encarga de protexer e preservar esta xoia única.
Conserva os vestixios dun calabozo no que se practicaba a tortura e un Lignum Crucis, un anaco da cruz onde morreu Cristo