O Gran Cinema abriu as súas portas no 1947 na rúa con máis accidentes da capital dos Ancares
Fonte: O Progreso 2/7/2019
"O CINE estaba na curva máis perigosa de Becerreá", di Aurora Roca, quen foi veciña do municipio. Se xa esa curva da Avenida de Madrid non tiña visibilidade, os carteis anunciando as películas facían que a condución se complicase aínda máis. Pero o perigo tamén estaba dentro. Os perigos que fan a vida interesante, enténdase.
O Gran Cinema era o lugar de "intimar", antes de que se popularizasen os Seiscentos. Iso si, ninguén libraba aos mozos dos ataques das pulgas nas butacas, aínda que estas custasen 8 pesetas, moito máis caras que os asentos ou os bancos, onde a tres metros da pantalla se sentaban os cativos por unha.
A curva non tiña visibilidade, pero o cine era a visión, a gran xanela antes de que os televisores apagasen os ollos de curiosidade en cada casa. Aberto ao público no ano 1947, nas 80 localidades do Gran Cinema os veciños puideron ver películas como Las noches de Cabiria, de Federico Fellini. Alporizarse co escote de Giulietta Masina, ou coa saia arremangada de Silvana Mangano en Arroz amargo.
O cine era tan perigoso que incluso estivo rexentado por un home "de nariz achatada de boxeador: Aniceto, a quen chamabamos Nariceto", conta Suso Roca, un dos grandes afeccionados na vila. "Un home do Bierzo, moi simpático, pero estafador", que incluso puido ter levado á vila películas de contrabando.
E, se non, como se explica que, á saída do cine, un grupo de mozas recompuxese co fragmento que cada unha lembraba a canción enteira de Arrivederci Roma, que soa en La Dolce Vita mentres bailan Anita Ekberg e Marcello Mastroianni, se esa película estaba prohibida pola censura?
Os soños dunha vila poden contarse, tamén, polo seu cine, aínda que hoxe apenas queden ruínas desa memoria ou, no mellor dos casos, as súas arquitecturas fosen reconvertidas noutros espazos.
O CENTRO DO MUNDO. Hoxe, no Bar Correos de Becerreá, ninguén sospeita da gravidade dun perigo que antano facía xirar tanto mundo á súa volta. "Non había outra diversión", conta Tino Prieto, que o rexentou antes da chegada de Aniceto, nos 60. Se a película era de vaqueiros, ao día seguinte os nenos convertíanse en pistoleiros. Se era de espadachíns, andaban a paus.
"En Becerreá había dúas chamadas -conta Tino-, a da igrexa, con campás, e a do cine, coa música amplificada do tocadiscos que anunciaba a proxección". En realidade, había unha terceira: "Aí vén a Tripitonga!", nome que lle deron os veciños ás visitas de bailarinas e prestidixitadores que representaban, segundo conta Roca, "números que ás veces había que ler entre liñas, con bromas sobre o réxime", que sorteaban botellas de coñac e facían curvar os rostros con grandes sorrisos.
Non causaba menos sensación o cine ambulante, que viña de As Nogais e para o que Roca traballou sendo a envexa dos outros nenos. A súa maña coas películas víñalle de axudar á súa nai, a fotógrafa Maruja Roca, no seu laboratorio caseiro, e de recoller os fotogramas descartados que se amoreaban na leira adxacente ao cine, para velos pola noite co seu irmán. "Era máxico", di.
Anos máis tarde, foi seguindo esa maxia que se meteu moitas veces na cabina de proxección. O abraio ante o arco voltaico que empregaba o proxector superaba, ás veces, a maxia das imaxes. Tino Prieto tivo que cambiar o sistema de son do cine, pero mantivo aquela primeira máquina, xa superada nas salas das capitais, que despedía a luz xerada polos ruidosos electrodos de carbón, e da que había que protexerse con gafas especiais; tamén era perigosa.
A axuda de Suso víñalle ben, pois poñer un filme non era coma hoxe. "As películas chegaban da Coruña nun camión que levaba pescado ao Bierzo. Custaban 300 pesetas, viñan en varias bobinas e había que empatalas", conta Prieto. Talvez, a que máis desconcerto causou foi Moby Dick. "As bobinas non se empataron por orde, e o final viuse polo medio", recorda Suso. "O nodo tamén viña da Coruña, e había que mandalo a Cortegada, en Ourense. De cada tres películas estranxeiras, a ditadura mandaba poñer unha española", explica Tino.
O cine estaba na curva máis perigosa. Tino lembra como un camión sen freos desfixo a casa do lado. Dentro, Vida sin freno foi unha das películas que el e o seu socio proxectaron, e que figuran nun listado que aínda conserva, canda outras como El largo y cálido verano, Días de vino y rosas ou La rubia de Pekín.
CINE DOMÉSTICO. Que o cine era parte da vida social constátao a que tal vez fose a película máis singular alí proxectada, a que Justo Díaz, un veciño de Guilfrei que fixo fortuna como emigrante en Cuba, gravou dos arrozais e cafetais da illa e "da súa vida por alí", para ensinarlla aos veciños, en proxección gratuíta, mentres "ía explicando cada cousa polo pasillo", conta Roca. E despois, por se as moscas -e nunca mellor dito- proxectou un documental do mosquito Anopheles, o que transmite o paludismo.
O cine tamén serviu de laboratorio a cineastas. Xa pechado, Pedro Olea aproveitouse das instalacións para ver o que ía gravando na rodaxe de El bosque del lobo, no veciño bosque de Os Grobos, en Agüeira. Iso si, neste caso non deu permiso de entrar a ningún curioso ou apaixonado afeccionado.
As curvas son perigosas. Que llo digan ao Gran Cinema de Becerreá. No seu caso, a velocidade dos 24 fotogramas por segundo superaba á velocidade do volante. O cine desafiaba a liña recta das paredes, pero sobre todo a liña recta dos poderes que gobernan o mundo.