Fuente: El Progreso. Nieves Neira. 08 ENERO 2020
A asociación Rente ao Couce tomou o testigo de A Pipa, e por iso quixo dar a cambio a quen estivo á fronte da mítica entidade a mellor das ferramentas para seguir abrindo camiños
Durante 25 anos, o Nadal en Becerreá veu da man da poesía. Fóra da vila, tamén calquera poeta do país tiña en boa estima a Noite Poética que organizaba nesas datas a asociación A Pipa, con Alfonso Becerra á fronte. Por iso, o novo colectivo que botou a andar o ano pasado no municipio, Rente ao Couce, quixo lembrar nesas mesmas datas o seu traballo, e entregar a Becerrea, salvoconduto mediante, o primeiro foucín da asociación.
Ás veces, para explicar como é algo, percorremos primeiro todo o que non é, di o homenaxeado. Coma quen fala cun foucín na man, quitando silva aquí silva acolá, ata chegar ao cerne, ou mesmiño rente ao couce. Becerra explícase así, dando voltas, como bo montañés, e é deste xeito que pode dicir que a homenaxe que lle rendeu a nova asociación non tivo pose, nin adorno, nin protocolos, "nin todas esas cousas que, no fondo, denotan falta de referencia e de coñecemento", di.
Non. O acto foi auténtico. E aínda que se mirou para atrás, para lembrar A Pipa, non foi con nostalxia, senón coa memoria necesaria. "Foi divertido e festivo, non como esa xente que se pon demasiado seria cando se trata da cultura", di Becerra.
El sentiuse ben así. Gústalle o logo de Rente ao Couce, un foucín entre dúas montañas, "pero montañas vellas, non picudas, que semellan peitos de muller", comenta. O camiño que abren non é tan habitual, engade."Son poucas as asociacións así, que non van ao recreativo, senón á raíz mesma das cousas, por un camiño de compromiso que é ecolóxico e cultural, porque as dúas cousas van xuntas", di, e que considera necesario nun contexto alarmante para a lingua galega, ou na que o mundo rural perde habitantes, como repasou nese mesmo acto Xosé Manuel Vega co seu libro
RELEVO. Para recoller o foucín, Becerra estivo revisando as revistas que A Pipa publicou durante anos. Nelas atopou unha foto de Inazio Abrao, un dos integrantes de Rente ao Couce, cando xa neniño acudía ás noites poéticas. Eloxia a súa interpretación na película de "O que arde", "tamén un poema sobre esta terra", comenta. Sabe ben do que fala. Becerra é doutor en artes escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona, e dende o 2005 profesor na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia.
Nado no 1973, tivo a sorte de que o seu pai lle animase a facer o que lle gustaba. Daquela, en Becerreá non había moitas referencias, e os estudos de teatro estaban homologados pola universidade. Pero o pequeno Alfonso era "un neorromántico, un neno raro" -bromea- que tivo a sorte de atopar outros tres nenos raros, e montar unha asociación que durante 25 anos loitou pola cultura en Becerreá. A Pipa. Un nome que facía referencia a un poema de Helena Villar Janeiro que chegou a ser unha canción infantil. "Mira se eramos parviños e cándidos", di, tamén en broma, tamén en serio e con amor.
"Nacín pringado", recoñece. Mentres a xente descansaba no Nadal, el lía as preto de 100 composicións que chegaban ao Certame Poético da Alta Montaña Luguesa, que organizaba. A Noite Poética levaba traballo. Os recitais estaban guionizados. As obras das e dos poetas convidados eran lidas e relidas para preparar as entrevistas. Ensaiábase todo.
"Pero o traballo non era ese, senón xustificar as subvencións os días seguintes", lamenta. Non foi, por tanto, que Becerra se cansara daquilo. A Xunta recortou as subvencións e non saíu adiante a súa proposta para que o Concello asumise a actividade, di. Profesor, dramaturgo, colaborador en distintos medios... chegou un momento en que, sen contrapartida, facíase imposible seguir.
O camiño que abriu, iso si, continúa, e agora ten un foucín na man que, como di o salvoconduto escrito pola tamén socia de Rente ao Couce Ana Santiso, servirá para "cortar co frío do fío do seu aceiro a maliciosa maraña dos subiados e toxeiras lexislativas ou burocráticas coas que a Autoridade pecha os camiños". Se acostuma a chamarse Alfonso Becerra de Becerreá é porque o territorio está con el.