Helena Villar regresou a súa vila natal para falarlles aos veciños de quen é, a través de 50 anos de poesía que recolleu na antropoloxía 'De rosa antiga'. O resumo dese libro faino verbalizando o gran amor que lle ten a Becerreá e a todos os Ancares
Fonte: O PROGRESO JAUREGUIZAR 16/OCT./22
NA CASA de Helena Villar Janeiro (1940) está O Xardín da Mamá. Son flores que ela cultiva na memoria da súa nai. "Hai peonias, roseiras sen espiñas -saen cedo, son amarelas, glicíneas, begonias,...", moitas proceden da casa familiar de Becerreá. "Á miña nai gustábanlle moito as flores. Fora modista en San Sebastián. Era filla dun xastre e marchara cun tío seu, que acabou montando unha canteira onde despois se fixo o campo de Anoeta. Ela era unha señorita e quería vivir coma unha señorita, así que montou un taller de costura. Traballaba para Balenciaga".
A biografía comeza bonita, pero en 1938, un coche que leva un rapaz á fronte de guerra atropela todas as ilusións da modista. Bota un ano nun sanatorio, pecha o taller e volve a Becerreá. Casa co xastre, que levaba 22 anos esperándoa. "A roupa que confeccionaba a miña nai era demasiado cara en Becerreá, así que botaba unha man ao seu home".
Helena deixa o colexio con sete anos empeza a traballar no negocio. Mantén a admiración pola nai. "Un traxe supón 180 pasos para facelo. Mamá sabía facelo completo. A min faltábanme dous. Non me deixaban facelos. Eran poñer as mangas e a tapa do colar, que eran labores moi delicados. A manga ten unha caída moi concreta para que non vaia para atrás". Ela non cose dende que a vista non lle acude. "Pido á neta que me enfíe se teño que repasar algo".
Había xuíces, médicos ou avogados que chegaban a Becerreá e buscaban mozas para coidarlles os nenos. "A miñas amigas traballaban niso. Eu dixen que quería ter un oficio pero o meu pai explicoume que xa o tiña, que axudaba na casa, pero que el non me pagaba".
Cobraba cando había feira. Había moitos tratantes, gandeiros e feirantes que aproveitaban para facer amaños na roupa. "Eran tantos que o meu pai tiña a xastrería pequena e o meu irmán e máis eu tiñamos unha 'xastrería' pequena. O meu pai dábanos algunhas encargas e nós quedabamos con eses cartos que nos pagaban os clientes, que eran moi xenerosos con nós". A maiores, levaban unhas pesetas cando ían ás casas entregar os traxes.
Eses pesos valíanlles para ir á libraría de Don Ramón, que lles alugaba contos e tebeos. Aprenderan a ler sen dificultade. A nai dáballes clases e tiñan unha imprenta de goma na casa. "Un correlixionario republicano do meu pai dábanos Matemáticas".
Neses anos, ata que volveu á escola con 13 porque a mestra comprobou a súa intelixencia, andaba entre a xastrería e a casa dunhas veciñas beatas que a iniciaron na vida relixiosa e a converteron en 'nena reparadora'. "Cando escoitabamos unha blasfemia tiñamos que rezar para 'reparala'".
A súa vocación de carmelita descalza era sólida e diáfana, "pero foise diluíndo do mesmo xeito que viñera". Helena cantaba no coro, como neta de gaiteiro e filla de acordeonista cunha profunda fe. Quixo ser soprano, quixo facer a carreira de piano; "pero non había cartos". A música vivía na casa e na igrexa. "A xastrería era un ateneo no que se aprendían cousas e se cantaba".
Coseu toda a vida. Os fillos, cando eran pequenos, poñían "modista" na profesión da nai. "Non valoraban que eu fose mestra, senón a roupa que lles facía".
Mestra. Marchou a Lugo estudar Maxisterio. "Aprendín a non ser mestra. A profesora de prácticas dicía que era demasiado lista para ser mestra. O Maxisterio foi unha pexa para min porque non había método".
Soubo adquirir o método mentres daba clases porque estudou Filosofía e Letras por libre na modalidade de Pedagoxía. Pediu permisos para acabar a carreira en Madrid. "Nada máis chegar entrei no coro Chaminade. Ten graza porque non me colleron no de Maxisterio".
Empezara a exercer "aínda sen cumprir os 20 anos" en Vilaver (Cervantes); botou outro en Quintá da Cancelada (Becerreá) e despois, sete en Armesto (Becerreá). "Son filla dun xastre que cosía para toda a redonda, dei clases, aprendín a lingua, comín nas pallozas, andei tecendo colchas en teares,... eu son os Ancares, a paisaxe, é un sentimento, un modo de ser, a lingua, o sentido colectivo. Todo o que son é Becerreá, teño pedido ser enterrada aquí".
Presentación: "Fun da poesía mística á social"
‘De rosa antiga’, o libro que presentou onte en Becerreá, responde á intención de Helena Villar de ordear e dotar de sentido unha poesía "que foi da mística ao social" ao longo de medio século. Comezou escribindo unha poesía metfísica, na que se dirixía "como Amado" a Deus. Ultimamente escribe poemas "sobre migrantes ou o expolio da cova Eirós".
Juan Ramón Jiménez
Nos primeiros tempos a influencia de Juan Ramón Jiménez foi poderosa. "E tardei en desprenderme dela", a pesar que "están á marxe do mundo".
Poemas soltos
A última obra componse "de poemas de libros que estaban descatalogados e de publicacións soltas" que quixo agrupar.