El progreso SILVIA IGLESIA / MIGUEL PIÑEIRO 14/FEB/23
Foto: VICTORIA RODRÍGUEZ
O laureado filme de Sorogoyen ten marca Ancares e selo lugués. Aínda que o groso se rodou no Bierzo, varias escenas teñen como protagonista o mercado gandeiro de Becerreá e veciños como José Luis Gómez 'Pistón' ou o chantadés Ramón Rodríguez Porto tamén se atoparon na gran pantalla ao converterse en extras por unhas horas.
José Luis Gómez é de Becerreá, coñéceno como Pistón e toda a vida se adicou a ter vacas. Tanto tempo que cando se lle pregunta cantos anos son eses, a resposta saca de dúbidas a uns e deixa coa incógnita a outros: "Pois toda a vida", di. Ese papel, "o meu sustento" e ao que destina 24 horas, acompañouno tamén ante as cámaras.
Durante dous días, alá a comezos de decembro de 2021, José Luis púxose ás ordes do cineasta Rodrigo Sorogoyen durante a rodaxe de As bestas, o particular western galego que revolucionou o Bierzo, alterou a rutina do único habitante de Quintela de Barjas e deixou a súa pegada en Becerreá para, a noite do sábado, alzarse con nove Goyas, entre eles mellor película, mellor director, mellor actor protagonista ou mellor actor de reparto. "Ao acabar de gravar eu xa sabía que ía ser moi boa", lembra un home que probou sorte converténdose en extra por unhas horas nun lugar que coñece ben: o mercado gandeiro de Becerreá.
Alí, con figurantes tamén de Navia, Pedrafita e Asturias, desénvolvense varias escenas de As bestas coa protagonista, Olga (Marina Foïs), e cos irmáns Anta, Xan (Luis Zahera) e Loren (Diego Anido). A cinta retrata un día calquera de mercado, pero como os de antes. "Este era o mellor mercado de todos, sacando o de Santiago. Viña xente de Asturias, de León, de Vigo... Mira se había xente que non había nin onde amarrar os becerros, a 200 cabezas de gando se vendía cada día de mercado", o 3 e o 19 de cada mes, recorda. "Meu pai e eu puxemos un 3 de xuño 56 vacas, pero desde entón foi moito para abaixo", admite.
Aquela voráxine é a que levou Sorogoyen ao cine. Para iso encheuse o interior do mercado cunhas 70 vacas "do Corgo e da Fonsagrada", explica José Luis, ademais de ovellas, cabras e porcos de veciños da zona. El, ademais, aportou a súa pick up e un camión.
Desde as 9 da mañá
En Becerreá chovía cando se rodou, unha humidade escura que penetra na xa tensa relación de Olga e os Anta, e para recoller a esencia do inverno da Montaña o traballo comezaba ás 9 da mañá, "comiamos o que queriamos e rematabamos pola tarde", conta José Luis mentres acariña unha das vacas que ten en Chao do Monte coa súa irmá Yolanda e o seu cuñado, Miguel. Tamén reflexiona sobre a experiencia: "Foi incrible, preciosa, se me volven chamar mañá volvo", dicía satisfeito cun resultado que visionou hai só 15 días. E atopouse na gran pantalla? "Claro, saio tres veces con Luis Zahera e unha vez no exterior, xunto á pick up cun asturiano", numera, mentres asegura ter aprendido, e rido, moito detrás das cámaras. "Con Zahera é todo unha comedia e o director é moi minucioso, quería todo perfecto. Para unha escena de segundos había que repetir un cento de veces".
Niso coincide Ramón Rodríguez Porto, un chantadés afeccionado ao teatro que xa aparecera en 2019 en Longa noite. En ambos casos, a participación chegou a través dunha chamada de teléfono. "A produtora púxose en contacto comigo para facer a proba, en Villafranca. Viron que encaixaba no perfil e seleccionáronme. Estivemos dous días en Madrid, adquirindo algunhas nocións e despois xa nos trasladamos á rodaxe, en Barjas", rememora.
A expedición da que formou parte estivo no Bierzo dez días gravando. Nalgunha desas escenas comparte pantalla con Zahera e con Denis Ménochet (Antoine), no transcurso dunha rutinaria partida de dominó entre vasos de licor e viño que evidencia, xa no comezo, a fría relación entre ambos personaxes. "Hai pouco volvín ver a película e descubrín outro momento da mesma escena no que aparezo e que non vira inicialmente", engade un home cuxa participación xa chamou a atención de veciños e coñecidos e quen tamén fala da intensidade que supón traballar con Sorogoyen: "É un director moi minucioso, que esixe moito. Mandaba repetir aínda que fose unha cousa nimia ou insignificante".
"Pasámolo espectacularmente e Sorogoyen mesmo chegou a invitarnos a unha festa ao rematar. Pareceume unha persoa entrañable", indica, ao tempo que de Ménochet e Zahera destaca as risas no tempo libre e algunhas anécdotas: "Moito lle custou a Denis gravar a escena na que Antoine se mete no río. Hai que entendelo, era un día de novembro", ri.
Tanto un coma o outro valoran a importancia de que grandes producións coma As bestas acaben recalando en pequenos lugares, zonas que "por moito que falen de axudas e de medidas, sempre acaban esquecidas", denuncia Pistón, quen, ademais, revela que coñeceu de preto o caso que deu pé á cinta. "Un rapaz de por aquí comprara vacas caldelás del, do holandés de Petín, por iso sabía da historia cando ocorreu", explica sobre Martin Verfondern, cuxo crime hai máis de 13 anos a mans do seu veciño serviu de inspiración para que Sorogoyen puidese dar forma a un dos filmes do ano.
Becerreá xa foi plató de cine nos 70
Becerreá xa se viu nas salas de cine en 2019 da man de Oliver Laxe en O que arde e en 1970, Pedro Olea fixouse no Souto de Agüeira e nos Grobos para El bosque del lobo.
Primeiro contacto
Claudio Vázquez foi o primeiro contacto entre Becerreá e María López, a xefa de localizacións de As bestas. "Xa nos coñeciamos de antes, cando se rodara O que arde", explica.
Recepción
En Becerreá todos valoran este particular escaparate que supón saír nun filme, aínda que moitos teñen pendente o seu visionado. Raúl Camacho, por exemplo, é de Madrid e está casado coa becerrense Montse Neira. Recoñece que hai uns días ía vela cuns amigos nun cine en León, pero non quedaban entradas para a de Sorogoyen "y vimos Los renglones torcidos de Dios", "Volveremos a intentarlo", di.