Arturo e Carolina, dous irmáns de 19 e 23 anos, decidiron emprender hai un ano nun negocio de rutas polo municipio que na época do verán trasladan ata a zona das praias lucenses
Fonte: El Progreso LORENA OTERO / R.L. 02/AGO./24
O do motor non é un mundo descoñecido para estes dous rapaces de Becerreá. Dende que teñen recordo na súa casa sempre houbo certa paixón polo automóbil. Motos, coches todoterreo e, agora, tamén buggies. Arturo e Carolina Díaz apenas suman 40 anos entre os dous, mais xa están a cargo dun negocio familiar que se adica a facer rutas por Barreiros, no verán, e por Becerreá, no inverno.
A empresa Buggy Galicia recibe tanto turistas como xente da zona
"Non había actividades deste tipo na zona, que aproveitasen o monte, e decidimos lanzarnos", comenta Arturo ao recordar os inicios do proxecto. Buggy Galicia naceu o ano pasado e agora conta xa con certo renome na provincia. Tanto turistas como xente da zona anímanse a participar nas distintas actividades desta empresa.
"Algúns achéganse pola oferta das rutas e outros veñen pola curiosidade de probar os vehículos", explica o xerente. Grazas a que reparten información nos hoteis e locais e colgan carteis conseguiron ter incluso clientes internacionais "Quedamos moi sorprendidos cando esta semana nos visitaron unha parella de Nova York e outra de Kansas", relata Arturo.
Os dous rapaces lucenses compaxinan esta iniciativa cos seus respectivos estudos. El está no grao de Administración e Dirección de Empresas na Coruña e ela está a realizar as prácticas do seu máster de Avogacía. Coa axuda dos seus pais, no inverno traballan as fins de semana e no verán están a tempo completo.
"Sempre pasamos as vacacións na Mariña, os nosos avós teñen a casa na zona, por iso nestes meses facemos as rutas por alí", di o becerrense. Buggy Galicia conta agora con catro vehículos: tres deles con dúas prazas e un con prazas para catro persoas.
Os automóbiles desta empresa están deseñados para as rutas propostas e "non se precisa ningunha habilidade especial" para a súa condución, tal e como explican na súa páxina web. Aínda así, esíxense unha serie de requisitos básicos para o que se anime a mergullarse nesta experiencia. É preciso ter o carné de conducir con dous anos de antigüidade e ser maior de 25 anos.
As rutas de Barreiros teñen incluso máis acollida que as de Becerreá
A empresa tamén insiste no cumprimento das regras internas. Non derrapar, respectar o guía ou non adiantar outros buggies son só algúns dos puntos que os xerentes aclaran antes de que comece a ruta.
As experiencias que se ofertan en Barreiros teñen incluso mellor acollida que o percorrido que se fai en Becerreá. "Ao final, ao ser no verán, a xente dispón de máis tempo cando estamos na costa", explica Arturo.
Alí, a clientela ten a oportunidade de visitar espectaculares áreas naturais. O alto do monte Comado, por exemplo, ofrece vistas incluso de Tapia de Casariego, nos días máis despexados. No caso da montaña, as rutas son "máis inmersivas".
Os buggies adéntranse nas zonas do monte lucense, suben ata a Pena do Pico e volven baixar ata o punto de saída. "Dende alí podemos ver mesmo a cidade de Lugo nun día sen nubes", din os rapaces.
Os propietarios non ven a posibilidade de aumentar o negocio por agora
Arturo e Carolina ven o negocio nun bo momento e esperan seguir polo bo camiño moito tempo máis. Non teñen idea de levar a cabo ningún tipo de ampliación no número de vehículos, xa que suporía un "investimento maior".
Con todo, non descartan engadir novos itinerarios na súa oferta e teñen algunha idea xa en mente. En palabras do propio coordinador: "Pensamos nos que repiten a experiencia, queremos levalos a sitios novos e o que máis nos chama a atención son as fervenzas".