A granxa Teixeiro E Pistón, de Becerreá, é a única da Montaña con cabras completamente en extensivo grazas á colaboración da veciñanza que facilita o pastoreo pola limpeza das terras
FONTE: EL PROGRESO Nieves Neira 23/nov/24
Cóntanse cos dedos da man as gandarías en extensivo de cabra en Galicia. Na zona da Montaña, Teixeiro E Pistón, en Becerreá, é a única. Por iso hoxe estarán no Centro de Desenvolvemento Rural Ancares para falar da importancia da cabra na xestión forestal, nunha xornada que tratará sobre as alternativas comunitarias na xestión do monte e dos lumes.
O que non dan sumado os dedos dunha man, nin de dúas, é ese mosaico de terreos que utilizan para o pastoreo, un quebracabezas que comezaron a armar hai algo máis de dez anos Miguel Cordero e Yolanda Gómez. Esta parella de enxeñeiros forestais decidiu criar a súa filla, Elba, na súa terra natal despois de viviren anos en Lugo. Teixeiro E Pistón vén precisamente de aí, da xuntanza dos nomes das súas casas coa 'E' inicial de Elba, de poñer en práctica un modelo forestal perfilado ao longo do tempo de formación e traballo. Tamén, de atender a necesidade de manter coidados os eidos preto da casa e da aldea.
A cabra coa que traballan é a galega, a que mellor se adapta a estar sempre en extensivo, coas inclemencias do tempo nesta zona. Este tipo de manexo tamén determina o tempo de cría, na primavera, sorteando as durezas do inverno. Para comercializar os cabritos dispoñen de varios comedores e particulares, e a moitos máis clientes poderían abastecer, pois o produto é moi valorado e nunca falta demanda.
O rabaño que comezou cun par de cabras suma xa cen. Hoxe, á meirande parte delas cadroulles estar en Vilar de Frades, nunha parcela que, como todas as que manexan, está pechada con pastor eléctrico e protexida con mastíns. Alí estará o rabaño ata acabar o alimento. Quince días, vinte talvez, ata pasar a outro lugar.
Revisar a diario as cabras é compatible, para Yolanda e Miguel, cos outros traballos que manteñen, e supón un complemento dos ingresos na casa. Para que fose a actividade principal, o rabaño debería incrementarse até as 300 cabezas, segundo calculan. O que non é nada doado é o 'tetris' de parcelas que teñen que encaixar, parte da casa pero a meirande delas dos veciños, que tamén gañan coa colaboración, co intercambio do alimento polo labor de roza que fan as cabras.
De feito, en Teixeiro E Pistón teñen cabras tamén no monte veciñal de Carballo, en Friol. onde a propia estrutura da propiedade facilita o manexo. En Becerreá, e en toda a comarca, o camiño para o rabaño ábrese entre unha propiedade moi fragmentada, na que ás veces xuntan 15 ou 20 propiedades nunha mesma parcela para o pastoreo, que pode nin sequera valer para todo o rabaño. Por outro lado, tamén os peches teñen que montarse moitas veces en lugares que aínda non se lle gañaron ao monte. E teñen que ser bos, xa que as cabras non son animais que se deixen pechar facilmente.
Porén, "o gusto de ir velas compensa todo", comenta Yolanda. Tamén a alegría de recibir a rapazada do programa Da Granxa á Escola, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ou de programar os traslados do rabaño dun sitio a outro cos veciños e amigas que se queren sumar e cos mesmos cabalos que tamén crían na granxa. De feito, neste sentido, están pensando en organizar rutas a cabalo máis adiante.
Alén disto todo, a satisfacción vén tamén de ver medrar a súa filla neste lugar, de darlle o que recibiu. Pois todo este traballo, que tanto aguante implica, supón tamén unha resistencia, un camiño para manter abertos os camiños da serra.
Encontro no CDR Ancares
O Centro de Desenvolvemento Rural de Ancares celebra hoxe unha xornada divulgativa que ten por lema 'Alternativas comunitarias na xestión do monte e dos lumes'. Yolanda Gómez, de Teixeiro E Pistón, será precisamente unha das relatoras, canda José Manuel Yglesias, tamén enxeñeiro forestal de Tenzas Enxeñería.
O programa divídese en dúas partes. De 11.00 a 12.00 horas abordarase a cabra dende a perspectiva da xestión forestal. A obrigatoriedade da limpeza de leiras, a protección das aldeas fronte ao lume ou a multifuncionalidade do bosque serán algunhas das cuestións a tratar. Asemade, amentaranse varias iniciativas que se están levando a cabo neste sentido, como a da mesma granxa Teixeiro E Pistón, e outras experiencias no monte veciñal de Carballo, en Friol, ou nas aldeas de Teixeira, Couso e Deva, en Cervantes.
Despois dunha pausa para o café, ás 12.30 o programa continuará até as 13.30 centrado na xestión conxunta do monte. José Manuel Yglesias presentará o proxecto Tenzas, e trataranse os beneficios da xestión conxunta e as súas figuras, dende o monte veciñal en man común aos montes de varas ou ás agrupacións forestais de xestión conxunta. Tamén se tratarán as poxas conxuntas de madeira.
A actividade celebrarase na Casa Catoira de San Román de Cervantes, aberta ás persoas interesadas.