A asociación Chao de Sebes organiza unha xuntanza veciñal o día 19 para transmitir o patrimonio musical da Montaña ► A décimo sexta Festa da Gaita, o día 20, homenaxeará ao mítico gaiteiro Enrique Fernández, e ao percusionista Víctor García
Fonte: NIEVES NEIRA 17 DE AGOSTO DE 2023 EL PROGRESO
Na Cantina do Ferreiro, en Quintá de Cancelada, cabía de todo. Os cantos de sega, os da malla. Aínda que o espazo, de tanta xente alí reunida, chegou a facerse pequeno. Chema Álvarez, da asociación Chao de Sebes, conserva o primeiro cartaz das festas que o seu pai, José do Ferreiro, argallou no ano 1975, cando do establecemento pasaron ao campo da festa. Que a cantiga continuase foi sempre a motivación do fillo que, coa colaboración da Deputación de Lugo, promove a décimo sexta edición da Festa da Gaita o día 20 de agosto, precedida da xuntanza veciñal comarcal o día, dedicada á transmisión do patrimonio musical da Montaña.
"Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que queiran apuntarse o día 19", comenta Álvarez. A recepción será ás 12.00 horas, á que seguirá o pregón de Toño Núñez, mestre e poeta de Navia de Suarna, que tamén dará atención nas súas palabras á música na comarca ancaresa. Ás 17.00 horas, logo do xantar popular, terán lugar as actuacións dos músicos asistentes, que poderán acompañarse de acordeonistas e gaiteiros da zona. "Estará connosco Dani Pardo, de Baralla, que participou moitas veces no programa Recantos, da Televisión de Galicia", indica Álvarez.
HOMENAXES
Enrique Fernández, de Pumarei, e Víctor García, de Becerreá, serán os protagonistas o día 20, como músicos homenaxeados na Festa da Gaita. O primeiro é dos gaiteiros máis veteráns da zona, con 86 anos. "Aprendín cun punteiro que me regalara un veciño, mentres ía coas cabras ao monte, e aínda o teño na casa, non me desfago del", conta. Quen lle ensinou? "Ninguén, foi a base de remecer nel", contesta. A gaita grilleira, tempo despois, regalaríalla un veciño emigrante en Bélxica, que precisamente tamén o acompañará na homenaxe deste domingo. "É moi bonito estarmos xuntos neste día, aínda que el me viu tocar moitas veces", di.
E quen non viu tocar a Enrique Fernández? Nos seus anos mozos recorría todos os camiños da comarca, pois "todo era andar". E andaba con outros tres músicos que consigo levaban o clarinete, o tambor e o bombo, e que se facían chamar A Banda de Monel, pola aldea do mesmo nome na parroquia de Vilachá. "Era unha marabilla, nalgún pobo pasabamos tres días enteiros tocando", recorda. Tamén lembra ben tocar na Cantina do Ferreiro. "Sempre que mo pediron, toquei", di.
Por outro lado, o percusionista Víctor García comezou a tocar da man de Manuel da Venta. "Un día, tería eu 14 anos, subín ao escenario para animar un pouco a festa, e ao día seguinte chamoume para tocar", recorda. Así botou moitos anos, ata os 29, e logo pasou a formar parte doutras agrupacións, como Aires de Becerreá ou a Banda de Música das Nogais, da man de Anxo Eiriz. "Agora que me xubilei, apunteime de novo a aulas, que foi o que sempre quixen facer", comenta.
A xornada do domingo comezará ás 12.00 cunha sesión vermú, á que seguirá unha comida popular ás 14.00 horas. As actuacións comezarán ás 17.00 horas, e se demorarán ata ás 20.00. É este o momento de aprender dos músicos homenaxeados, das "músicas antigas" que toca Enrique Fernández, do pandeiro ou tambor de Víctor García, ou de tantos outros que farán que a música non deixe de soar pola Montaña.