Fonte: A Voz de Galicia - CANDELA F. ROLDÁN - 29 ene 2023
O artista, que traballou en Finlandia, Alemaña e Portugal, entre outros países, realiza as súas pezas dende o seu taller da vila e expón as súas obras por todo o país
Inazio Abrao leva a madeira no ADN. O seu pai, natural de Vilar de Cancelada (Becerreá), foi carpinteiro toda a vida, e el, enseguida decidiu seguir os seus pasos. «Mamei a profesión dende ben pequeno, pero eu non fun tan pragmático, e logrei sacar a vena artística que todos levamos dentro», asegura Inazio, que leva traballando no seu taller de Becerreá dende hai case 20 anos como carpinteiro e artesán.
Antes de afincarse na Montaña lucense, Inazio traballou en Finlandia facendo casas de madeira, pero tamén en Alemaña, Portugal, País Vasco, Madrid, Barcelona, Navarra ou Comunidade Valenciana, entre outros puntos do mundo, o que lle axudou a gañar experiencia e a ir aprendendo a profesión «de aquí e de alá».
Aínda que reside ás portas de Ancares, o artista non pecha as súas portas a outros horizontes, xa que a maior parte das obras que el considera máis creativas expórtaas a outros puntos de España, xa sexa para vender ou para expoñer as súas esculturas, aínda que el non ten presión ningunha.
Sen pautas nin horarios
«Eu vivo da carpintaría e non teño ningún trauma por non vivir da parte artística. Gústame chegar á parte creativa liberado, sen pautas nin horarios. Non busco vender, senón expresar o que se me pasa pola cabeza», explica Inazio.
Fóra de presións horarias, o becerrense atopa inspiración no traballo do día a día, e, cando algo lle resulta chamativo, execútao. «Eu non me vexo só no campo creativo, porque o máis pragmático é a miña fonte de inspiración. A simple unión de dúas pezas pode ser o punto de partida para realizar despois toda unha exposición. A min sedúcenme as formas e as xeometrías», afirma o carpinteiro, que asegura que «as musas poden vir de xeito inesperado en calquera momento».
É o caso da súa última peza, unha caixoneira inspirada nas pinturas de Kandinski, que formará parte da súa seguinte exposición no Centro Integrado de Formación Profesional Someso, na Coruña, a partir do próximo mes de febreiro. «Nunha visita que fixen ó cárcere vin unha das obras do pintor ruso e pensei en facer un moble inspirado nas súas formas e cores. Simplemente, chamoume», sostén o artesán, que elabora dende mobiliario máis común, como pode ser un escritorio, ata pezas menos habituais, como paneis para colmeas de avellas. Iso si, todo con madeira e dende o seu taller de Becerreá, un recuncho ubicado á entrada da vila, ateigado de maquinaria de traballo e moita personalidade.
As redes humanas: a súa alternativa para expandirse
A día de hoxe, este artesán de Becerreá, que exporta as súas obras por todo o país, asegura que as redes sociais son unha das súas «grandes lagoas», pero que, non as necesita, porque el prefire crear a súa propia rede humana, o que el chama «o boca a boca».
Inazio asegura que tardou bastantes anos en exteriorizar a parte máis creativa do seu traballo porque non contaba con ningunha formación artística e, noutros tempos, nin sequera lle daba valor.
«Banalizaba toda a parte creativa porque ninguén me ensinara que podía explotar esa parte de min», di. Pero todo comezou en 2006, cando expuxo parte das súas obras por primeira vez e, dende aquela, o carpinteiro de Ancares pasou a ser tamén artista, aínda que a el non lle gusta diferenciar unha parte da outra. «É unha dualidade inseparable e ineludible en min», sostén.