Concierto presentación do Himno de Becerreá

A montaña, os prados e as feiras de Becerreá sempre estiveron no pensamento de Alfredo González, a pesar de ter que abandonar a súa querida terra cando era mozo para aventurarse na gran cidade de Barcelona. O amor ao seu pobo culmina coa elaboración da letra e da música do que pode ser o himno de Becerreá, se así o deciden os concelleiros no vindeiro pleno.

A pesar de non ser moi frecuente que os concellos teñan cantares propios, Alfredo González considerou que a súa terra era merecedora del. Ademais, o cantautor non é primeirizo nestes labores, xa que é o autor de himnos de equipos de fútbol en Barcelona e mesmo dunha ONG en contra do cancro.
O cantautor confesa que comezou a manexar a idea de facer o himno no ano 2006. O Concello estaba de acordo, pero tivo «a mala sorte de que o día no que se ía presentar ao aire libre tivo que ser suspendida polo mal tempo».
A presentación fíxose esperar pero, finalmente, terá a súa merecida mostra o 3 de agosto ás sete da tarde no salón de actos da casa da cultura de Becerreá.
A cantiga forma parte dun recompilatorio.
Alfredo asegura que gravou a maqueta antes de nada e logo fíxolla chegar ao alcalde, o socialista Manuel Martínez. E semella que, polos eloxios dos edís,a composición ten posibilidades de ser o himno de Becerreá.
Seguramente moitos nostálxicos recorden o grupo ‘Petapouco’, do cal Alfredo González formaba parte. O cantautor móstrase orgulloso de pertencer ao sexteto que «revolucionou a música galega a principios dos oitenta», xa que conseguiron romper co pasado por medio de cancións alegres, picarescas e que se «prestaban ao dobre sentido».
Tras esta experiencia formou o dúo ‘Lembranzas’ con Mariano Alonso, cun repertorio formado por pezas de música popular ademais de cancións propias. A pesar de ter unha proposta para un disco, non chegaron a moito máis porque, di Alfredo, «sempre lle din preferencia ao meu traballo, quizais non souben arriscarme a deixar todo pola música. O mes mesmo me pasou cos ‘Petapouco’».
Outro dos seus éxitos foi o disco ‘Diáspora’ con cancións dedicadas á emigración e con poemas de Rosalía de Castro. Estas cantigas conseguiron o recoñecemento de interese cultural por parte da Xunta, que as enviou a todos os centros galegos do mundo.
Despois disto, Alfredo atopou a José Romero, acordeonista, co que aínda toca. Alfredo asegura que ao principio tiveron «que adaptarse o un a o outro». Tamén colabora con eles o tamén acordeonista Xesús Espín. O seu disco, ‘Murmurio da tarde’, é instrumental.
Alfredo asegura inspirarse na realidade para compoñer e, segundo di, «se a letra me inspira podo elaborar a música en media hora». O cantautor bríndase «a musicar o himno de calquera concello galego».

Letra do himno

Becerreá terra de carne,
de xatiñas e becerras,
que se crían nos teus verdes,
nos teus prados e lameiras.
Unha historia de labregos, de feiras
do 19, día 3 e día 12, ben se trona,
ben se chove.
Cada feira unha festiña
para a xente da bisbarra,
uns veñen vender o gando,
outros coa súa roupa nova.
A cabalo ou en coche,
en tractor ou carroceta,
vén a xente á túa feira,
ben mercar ou ben de festa.
Es cabeza de comarca, un partido
xudicial, sanidade, ambulatorio,
instituto comarcal.
Tes escola de montaña,
fas a festiña da pena,
por setembro no Ecce Homo, por
febreiro nas Candelas.
A xente desta comarca
é xente traballadora,
trunfan polo mundo enteiro,
os de dentro e os de fóra.
Becerreá ten unha historia, dende
os celtas aos románs,
uns castros, unhas pontes
e as eirexas nos seus vales.
Miraremos o futuro,
cos pés nesta terra nosa,
valla pouco ou valla moito,
váleo todo porque é nosa.
Todos xuntos levantemos,
co noso esforzo de agora,
un nome que no futuro
non deixe os fillos por fóra.
Que dentro dun ano xuntos
festexemos a becerra, a raíz do noso
pobo, non se morra nin se esqueza.

Novas: