A mostra 'Becerreá no tempo', exposta no instituto do municipio, recolle a memoria de moitos dos lugares singulares da localidade. Ao arquivo que garda o Concello súmase a mirada de fotógrafos como Ruth Matilda Anderson, Walter Ebeling e Maruja Roca.
Se ben a memoria do antigo cine no bar Correos é común, este edificio tamén acubillou a igrexa un tempo. Así se explica esta foto de Ruth Matilda Anderson, da procesión do San Xoán.
Fonte: EL PROGRESO NIEVES NEIRA 19/MAY./23
Da biblioteca do IES de Becerreá á vila vaise polo camiño da fotografía, un camiño que abriron Gema Pérez, coordinadora deste espazo, e Fernanda Follana, tamén docente no instituto e investigadora dunha historia que tamén é a súa, pois ela mesma naceu nesta localidade que mira Os Ancares. Para desenvolver este proxecto, que leva por nome Becerreá no tempo, as dúas enlearon tamén aos departamentos de Educación Física, Inglés, Galego, Plástica e Historia, e fixeron que estes días máis dunha persoa estea revisando os álbums familiares.
No verán, a historia das casas que están investigando estará dispoñible para os veciños a través dun QR
O camiño é así. Primeiro, mírase a foto. Por exemplo, a da antiga casa do Concello, cuxo reloxo e campá presidiron a praza ata os anos 70. O accidente do ano 1968, no que un camión se esnafrou no bar Serrano, trouxo consigo a decisión de mudar o trazado da N-6 e a demolición deste e doutros edificios. Despois, coa foto na man, vaise á vila, e compróbase ou revísase o que quedou e o que se perdeu.
Son varias as fotografías que Maruja Roca fixo da Ponte de Cruzul, deses arcos que se abren entre o bosque atlántico e o aciñeiral, e que se poden ver no libro 'O feitizo de Maruja Roca'.
O alumnado de 4º da Eso, e máis tarde o de 3º, camiñou facendo esta viaxe, da foto á realidade, e do pasado ao presente. Do esplendor da solaina da Casa de Puente, onde viviu nos anos 50 o médico Antonio Puente, á tristeza da súa deterioración actual, xa en ruínas. Da solaina tradicional da Casa de Bao á súa reforma racionalista, que aínda hoxe chama a atención na praza da Fonte dos Caños. Ou da Casa do Rubio, que non só non perdeu a súa fisionomía, senón que tamén conserva o seu sabor. Alí, o alumnado puido gozar das croquetas, as famosas croquetas do Rubio, as que xa son, para o alumnado, "as croquetas do século XX".
Reunida no libro 'A terra e os homes', esta é unha das fotografías do arquivo de Walter Ebeling, dunha lareira tradicional de Vilachá de Cancelada, tomada na súa viaxe pola comarca.
Arquivo
Varios factores confluíron para que Becerreá gozase dun bo arquivo fotográfico. Por unha banda, a teima de Claudio Vázquez, que durante anos compilou fotografías que no ano 2010 se expuxeron da man do Concello. Pola outra, pola N-6 do século XX pasaron pola vila fotógrafos como a norteamericana Ruth Matilda Anderson —no ano 1924—, o alemán Walter Ebeling —entre os anos 1928 e 1934—, e os moitos ambulantes que chegaron cos días de feira. Ademais, a vila tivo os seus propios fotógrafos, entre os que destaca Maruja Roca, que nos anos 40 e 50 moveu os marcos do que se esperaba dunha muller, cámara en man, e tamén da fotografía, cunha mirada atenta non só á realidade, senón tamén aos soños.
Claudio Vázquez, Fernanda Follana e Gema Pérez co alumnado na biblioteca do IES de Becerreá. EP
Todo este despregue de imaxes forma parte de Becerreá no tempo. Nos estantes da librería ábrense os libros editados sobre estes fotógrafos singulares e, nos paneis da biblioteca, as fotografías que doou Vázquez. "Quixemos, no medio do bosque, ver cada árbore, esas xoias que se conservan", comenta Pérez. "Trátase de coñecer a historia da vila a través de cada casa", indica Follana. A idea, tamén, é que a biblioteca se abra á vila, e viceversa. Que as fotos volvan camiñar, como lles gustaba facer hai tempo.
Debuxar, mirar, camiñar
No marco de Becerreá no tempo, o alumnado elaborou un relato sobre cada casa, que gravou en inglés para poder acceder a través dun código QR. Agora mesmo están enriquecendo esa narración, para gravala en galego. A idea é tela lista para que, no verán, os veciños poidan acceder a ese relato a través dun código QR que poida quedar xa en cada localización.
O alumnado de 3º de Eso fixo tamén unha busca do tesouro por estas localizacións, e a idea é elaborar un mapa coas distintas casas da vila, tal e como xa adiantou a alumna María Díaz (na imaxe superior) cos seus propios deseños.