Feira de gando de Becerreá: O epicentro do sabor e da tradición

Novas: 

Fuente: El Progreso (20/03/2012)

Esta cita de referencia convoca os días 3 e 19 de cada mes na chamada ‘porta dos Ancares' ao mellor vacún de carne da provincia, e con el a centos de persoas, atraídas polo fino gusto e a calidade alimenticia das reses da Montaña. Unha categoría resultante do mimo dos gandeiros e do seu método tradicional.

A excelencia do vacún de carne en Galicia ten un par de citas ao mes en Becerreá. A tradicional feira de gando celébrase os días 3 e 19 e xunta a flor e nata da produción cárnica galega, na que a comarca lucense da Montaña é unha referencia e sinónimo de exquisitez.

O alcalde de Becerreá sinala que estamos ante un dos epicentros do sector. «É unha das mellores feiras tradicionais de Galicia, quizáis xunto á de Sarria, Pedrafita e Monterroso, a máis importante», sinala.

O edil expón que «aquí comercialízase o mellor gando da comarca», que consegue atraer «a un bo número de compradores, moitos dos cales veñen de Asturias, pola calidade da carne, e en canto aos produtores, hainos de lugares como Vigo, Santiago ou A Coruña, e incluso un que vén dende hai moitos anos de Cataluña».

«Vir a esta feira é como un selo de calidade», confirma José Manuel Souto, que herdou a explotación gandeira que levantaron seus pais e avós -Souto Novo- en Fillobal, no concello de As Nogais. «Hai vintecinco anos que veño a esta feira, dende rapaz, e é unha referencia», remata o gandeiro.

Ás oito da mañá comeza a chegar á vila un trasego incesante de camións que descargan as xoias da coroa. Iníciase así unha xornada onde conflúen a festa e os negocios, e que viste de gala a vila, que «multiplica por cinco a súa poboación nestos días», explica o rexidor.

O recinto feiral da vila, cerrado perimetralmente, conta cun pabillón de exposicións, un stand de control de entrada ou rexistro e un centro de desinfección de vehículos, así como unha báscula e varias naves para o gando.

Para Becerreá, a feira exemplifica «unha das industrias principais que temos no concello», afirma o alcalde, e «un constante fluxo de diñeiro do que unha parte queda aquí, mellorando os recursos da vila e contribuíndo a reproducir a cadea da producción de vacún de carne».

Unha afluencia que sería aínda maior de non ser polo envellecemento poboacional. «Non é doado para a xente maior traer o seu gando aquí. Algúns becerros son moi fortes e, acostumados a estar na corte, síntense incómodos diante de tanta xente, polo que esixen bastante esforzo e algunhas persoas prefiren perder cartos e vendelos na casa», sostén o alcalde.

Pese a todo, a afluencia de xente á feira é moi importante e o imán que a atrae non é un segredo para ninguén. «A carne de vacún dos Ancares é diferente», sinala o edil. «Ten unha textura similar á da manteiga, verdadeiramente derrétese na boca», comenta.

E se a calidade é o fin, os medios para acadala son as especiais condicións naturais da Montaña e, sobre todo, o mimo co que os gandeiros coidan os animais. «O sistema de cría segue a ser o tradicional, é a base de todo», afirma o gobernante.

CALIDADE

«Para as pequenas explotacións como a miña, a distinción de calidade é fundamental para sobrevivir. Non podemos competir en cantidade coas grandes, polo que debemos buscar algo distinto, algo que nos diferencie e nos permita gañar algúns cartos», explica Souto.

Souto mantén xunto a outros dous familiares preto de 70 vacas e calcula uns custos anuais moi elevados -«o mantemento suporanos uns 40.000 euros», indica-, o que é habitual neste tipo de explotacións pequenas, que se vén moi penalizadas se non colocan a carne a uns prezos acordes co gasto e o esforzo. «A carne véndese a poucos cartos para a calidade e poder alimenticio que ten», sinala.

«Os gastos son sempre moi altos. Calcula que o combustible subeu moitísimo, por exemplo. Tamén, normalmente utilizamos alimento natural, pero hai momentos en que hai que mercalo e o pienso subeu moitísimo. Non é doado», lamenta o empresario, que por unha vaca de 600 kilos de peso recibe en torno a 4.000 euros.

O gandeiro afirma que alimenta as vacas «a base de millo e cebada triturada, a un cincuenta por cento. Tamén comen xilo de herba e coidámolas de dous a tres anos, en cuadras estradas», expón.

José Antonio Méndez, propietario dunha explotación familiar desde hai 22 anos que conta con 46 reses, afirma que «é moi importante ter moita paciencia, os coidados nótanse nas baixas e cada unha delas é vital. E tamén recupercuten na calidade, por suposto. Eu adícome a criar vacas para leite e tamén para carne, e no caso das primeiras nótaselles ata o estrés, dan moitísima menos», recoñece.

CRISE

A mención da palabra crise cambia a faciana dos gandeiros, que están comezando a acusar a recesión económica dunha maneira forte. «Empeza agora a notarse, digamos que quizáis nos chegou máis tarde que a outros sectores, pero percíbese moi claramente», sinala Méndez.

«As ventas non baixaron demasiado, a carne séguese mercando porque é un produto de primeira necesidade aínda que é certo que a xente, en tempos de crise, vaise ó máis barato e nós necesitamos vender caro para que nos rinda», apunta Souto.

O principal problema que supón a crise para os gandeiros é, polo tanto, «o grande incremento dos gastos que temos», afirman. «Este tipo de incrementos, por pequenos que poidan parecer, afógante», explica Méndez.

Outra das grandes problemáticas que afrontaron este tipo de productores foi a seca, co segundo inverno seco consecutivo, que contribúe tamén a elevar os custos das explotacións.

«A falta de forraxe que provoca a seca que estamos vivindo é alarmante», comenta Méndez, «porque non queda outra que mercar pasto e incrementa moito o prezo da palla e da alfalfa, e tamén do pienso».

O sindicato Unións Agrarias-Upa fixo unha evaluación semellante hai uns días, presentando un informe no que calculou que a seca supuña, para unha explotación gandeira de carne media, unha elevación dos gastos dos gandeiros de ata 7.000 euros por ano, e que os prezos da alfalfa e da palla están preto de duplicarse.

Unhas dificultades que non arredan aos gandeiros de continuar co seu traballo e coa súa aposta polos métodos tradicionais, que se reflicte no proveito e no sabor do alimento. «A carne é moito máis rica e máis tenra. Isto é un reducto dunha forma de facer as cousas», explica unha veciña de Becerreá. «E que siga», remata.

9.882 explotacións de gando vacún de carne na provincia

Na provincia de Lugo resisten na actualidade 17.939 explotacións de vacún, das cales 16.252 teñen vacas, o que supón unha media de 16,4 vacas por granxa, segundo datos de Unións Agrarias-Upa. No tocante á tipoloxía das explotacións, a maioría son de carne, con 9.882. Un total de 5.163 son de leite, con 1.375 mixtas e 343 cebadeiros.

Rabaño bovino provincial

A cabana bovina provincial está composta por un total de 266.513 vacas, das cales a maioría son para a producción de leite -149.500- e 117.013 para a de carne.