A Casa do Bico abriu as súas portas en Ferrañol, en Ferreiros de Balboa, coa intención de bicar a memoria e a Montaña
Fonte: El Progreso N.N. 12/JUL./24
Foron cinco goteiras, só cinco. Podían ter furado muros e paredes hora tras hora, en silencio. Porén, o seu son foi máis ben unha chamada. Chelo escoitouna no ano 2017. Dende entón, ela e o seu home, José Luís, traballaron arreo para que non esmorecese a súa casa familiar en Ferrañol —a última aldea de Becerreá, xa máis asomada ao val de Torés, nas Nogais—, hoxe reconvertida nun aloxamento rural que leva por nome Casa do Bico.
En realidade, a Casa do Bico era a Casa de Riba, por ser a última da aldea antes de que a estrada fixese dela a primeira. Chelo xa non naceu nela, senón que estreou a nova que a súa familia erixiu no outro lado da aira en 1970. A da avoa Consuelo foi quedando sen uso, pero coa súa memoria viva.
Esas goteiras que comezaban a caer facíano, nada máis e nada menos, nun lugar que fora sala de baile da aldea, onde tantas veces a súa tía Felisa, tamborileira, ten dado música á danza, onde naceran os oito fillos de Consuelo, onde se repartía o pan, ese pan de moita calidade, desa boa ferraña que algo ten que ver co topónimo de Ferrañol.
A casa
"Quixemos recuperala, por todo o traballo dos antepasados", comenta Chelo, que lle puxo á vella e xa nova casa o nome de Casa do Bico, bico que tamén é extremo, "e peteiro de paxaros, bico que se dá, ósculo", comenta. E o bico foi para a pedra da casa, esa pedra tan característica por ser irregular, que viña do lugar dos Pedridos. E o bico foi para as madeiras, todas de castiñeiro, agás a da porta, de teixo, e a da mesa da cociña, de cerdeira da casa. E foi para o teito das manxadoiros, para as vidreiras, os poleiros, a despensa.
Foron cinco anos de traballo. José Luís, pinche de albanel, de carpinteiro, coordinador xeral a pé de obra. Chelo, restauradora, decoradora, encargada do enxoval. Todo nas horas libres dos dous, ata que a Casa do Bico abriu as súas portas en 2022. Dende entón, acolleu ducias de parellas con nenos ou soas, e foron 52 os grupos que pasaron por alí. Grupos de amigas, de amigos, familias enteiras, Porque a Casa do Bico ten un cuarto íntimo, e o resto de prazas, ata oito, comparten ese lugar común onde tamén durmían os tíos e os primos de Chelo. "É unha casa para estar xuntos", di ela.
A contorna
Todas as persoas que por agora pasaron por alí agradeceron os detalles: a vaixela Duralex verde, os termos antigos para ir por auga á fonte ou a despensa con produtos dos Ancares. Houbo quen chegou no tempo tamén de agradecer os amorodos que medran ao pé da casa. E, como non, os camiños. O de ida, no desvío que se colle dende Becerreá, corre polos soutos de Becerreá, de Armesto e de Ferreiros, que lle fan un pórtico á estrada. Dende Ferrañol tamén parten moitos outros, á Torre de Torés a un pasiño camiñando, ou á Cova de Eiros, que está na banda da sombra do monte que deixa o sol en Ferrañol. Tamén á Fonte do Lobo, a Guillén, a Cruzul, a Agüeira.
Porén, para moitos será tamén un lugar do que non saír. Como di Chelo, "sempre dicimos que aquí habita o sosego". E o sosego en Ferrañol é o sol na aira, as verduras da horta, o pan cocido e, por suposto, a conversa cos veciños. "Temos moita vida aquí, moitas iniciativas e moita forza. Unímonos hai pouco para loitar contra o proxecto eólico neste val de Torés, pois o que queremos é que se respecte este lugar, a nosa vida", comenta. O bico máis miúdo da Casa do Bico vén dese bico maior.