A produtora Fósforo prepara seis audiopaseos polos concellos da montaña de Lugo para coñecer a súa historia a través dos seus veciños
Fonte: CANDELA F. ROLDÁN LUGO/ LA VOZ
Emoción. Esa é a sensación que José Díaz pretende transmitir con «Os Andares», un proxecto pioneiro formado por audiopaseos ou audioguías na Comarca dos Ancares, co que petende crear seis itinerarios diferentes en cada un dos seis concellos da montaña de Lugo para coñecer un pouco máis do seu pasado, presente e futuro, pero indo máis aló dunha simple guía con datos históricos.
«A xente que veña visitar Os Ancares só terá que colocar os cascos e, ao pasar por debaixo dunha árbore, poderá coñecer dende o tipo de vexetación que hai, ata a historia dunha parella que se deu o seu primeiro bico xusto alí», explica José Díaz, que decidiu crear este proxecto inmersivo xunto aos dramaturgos Iria Azevedo e Marcos PTT, que colaboran con el a través da produtora Fósforo, e que contan coa axuda dos fondos Next Generation da Unión Europea e o apoio da Deputación de Lugo para facer posible unha inmersión na montaña a través dos cinco sentidos.
Estas audiocreacións contarán con testemuñas reais dos veciños da zona, así como con gravacións de música tradicional da comarca, e mesmo con reflexións sobre o pasado e o futuro da montaña narradas polos propios protagonistas misturadas con outras recreadas.
Tal e como explica José Díaz, trátase de algo similar a unha serie documental de Netflix, pero, neste caso, o público deberá levantarse do sofá, calzar os zapatos e seguir as coordenadas das voces, o que lles permitrá descubrir moito máis da comarca dos Ancares a través de seis capítulos por As Nogais, Becerreá, Baralla, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro e Navia de Suarna.
«É como un plano secuencia dunha película, pero a cámara son os teus ollos e incluso podes fundir a negro se te mandan pechar os ollos», explica o seu creador, que continúa documentándose sobre a comarca e que ten pensado instalarse durante os próximos dous meses xunto ao seu equipo para facer entrevistas aos veciños e gravar todas as voces e sons que precisan para montar os seis itinerarios, dende os que pretende recolectar dende historias persoais, ata arqueoloxía, xeoloxía, a literatura e incluso o ruxido dos osos ou o son dos paxaros. Todo en galego e con traduccións ao castelán e ao inglés.
«Non son audios divulgativos. O noso fin é crear emocións nos espazos polos que pasea a xente», di o creador, que asegura que o son é o sentimento máis evocador de todos, porque permite trasladar ao espectador a distintas épocas e estados de ánimo. «Dende un mesmo lugar, a música e as voces permiten crear dende unha comedia ata unha traxedia», afirma José Díaz.
Non queremos xulgar o pasado, senón reflexionar sobre el
Os creadores de «Os Andares», un proxecto centrado nos sentimentos de progreso e extinción, decidiron escoller Os Ancares como escenario «por toda a historia que ten detrás, e por todo o que todavía queda por contar, pero sen xulgar. Queremos que sexan os propios veciños os que conten a súa historia», di o produtor, que explica que, coa chegada masiva das estradas na comarca a partir dos anos 40, produciuse un fenómeno de emigración que foi deixando atrás a cultura e as formas de vida autóctonas.
Aínda que os audipaseos ou audioguías comezaron a popularizarse en Gran Bretaña na década dos 70, o certo é que en Galicia só existen algunhas en determinadas zonas do Camiño de Santiago, pero o proxecto de Fósforo é totalmente pioneiro, porque se trata da primeira serie gravada e documentada, e ubicada ademais na montaña. «Agora seguiremos documentándonos para ter todo ben atado», di José Díaz, que ten previsto ter os seis itinerarios listos para o mes de agosto.
Trátase dunha iniciativa coa que tamén buscan potenciar un turismo sostible, no que a xente poida integrarse mellor co entorno e non supoña un impedimento para as tarefas diarias dos veciños da zona. «Queremos ser prucentes, e que isto sirva para que a xente saiba máis dos Ancares, pero non só da paisaxe, senón das súas xentes», conclúe o fundador do proxecto.