Fonte:25/03/2014 - Pablo Rodríguez / El Progreso (Lugo)
A Consellería de Traballo e Benestar deberá ingresar máis fondos ao Concello de Becerreá pola prestación do servizo de axuda no fogar básico do 2011, segundo un fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O TSXG conclúe que a consellería, que achegou ese ano 4.505,06 euros no canto dos 18.937,04 que reclamaba o Concello, incumpriu as bases da convocatoria, polo que obriga a Traballo a recalcular ese importe e abonar a diferenza entre o resultante e o ingresado no seu día.
O fallo obedece a un recurso presentado ante o TSXG polo goberno local, que lidera Manuel Martínez, en contra dunha resolución ditada por Traballo o 24 de outubro do 2011, na que, entre outros conceptos, concedía a Becerreá 4.505,06 euros para o SAF básico, a cuarta parte do que lle correspondía, segundo o alcalde.
O Concello argumentou que lle tocaban case 19.000 euros en función das bases da convocatoria, xa que indicaban que o cálculo se tiña que facer tomando como referencia a contía recibida o ano anterior -17.259,35 euros-.