O veciño de Becerreá e profesor na Esad de Vigo recibiu un galardón internacional de xornalismo en Portugal, que destaca o seu traballo como crítico de artes escénicas
Fonte: El Progreso NIEVES NEIRA 29/JUL./24
Di Afonso Becerra de Becerreá que se sente un intruso. Que está moi contento, iso si, pero que iso non llo quita ninguén. "Se fose un premio de teatro ou de dramaturxia... pero un premio internacional de xornalismo!". Así é.
O docente na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (Esad), director da Revista Galega de Teatro, doutor en artes escénicas, e tantas outras cousas que nos farían dubidar de se Afonso é unha persoa ou varias, acaba de recoller o Premio Internacional de Jornalismo Carlos Porto, que lle entregou a Câmara Municipal de Almada no marco do festival de artes escénicas que ten lugar nesta cidade portuguesa.
E non, non llo deron aos xornalistas de moitos outros medios estatais ou estranxeiros. Déronllo a el, por unha crítica publicada na Revista Galega de Teatro. Pero é que Afonso non ten nada de intruso.
Está vencellado a cabeceiras como Artezblai ou Tempos Novos, ademais de Diario Cultural ou Zigzag
El é un dos críticos de referencia no Estado en artes escénicas. Dende o ano 2013 escribe unha columna semanal en Artezblai. Xa só nese xornal de artes escénicas acumula preto de 600 artigos.
Ademais, mantén outra en Tempos Novos, colabora co Diario Cultural, co Zigzag... en total escribe dous artigos semanais sobre pezas que previamente tivo que ver. En novembro de 2020 asumiu a dirección da Erregueté-Revista Galega de Teatro para non deixar morrer esta publicación, única no país, nun momento crítico.
Os tempos da Pipa
Porén, podemos remontar o río, e chegar á Montaña. Iso no que Afonso se sente un intruso, o xornalismo, era algo que facía xa de adolescente. Pois A Pipa, esa asociación cultural que calquera persoa da comarca lembra, que ata o 2016 organizou recitais de poesía de referencia en Galicia, tamén editaba unha revista.
Fotocopiábaa, grampábaa, repartíaa aquí e alá tras o acordo daqueles mozos que se reuniran no 1988 para soñar un pouco, Ovidio Villar, Antón Chao Penedo, Afonso e a súa irmá, Amparo.
"Se viña xente famosa, no San Froilán, mirabamos de facer unha entrevista", comenta. Así, Joaquín Sabina ou Luz Casal apareceron nesas páxinas. Mesmo a Vargas Llosa entrevistou Afonso, cando viñera á cidade para dar unha charla no Círculo das Artes. "Teño unha foto con el e con Fraga, para afundirlle hoxe a carreira a calquera!", conta, rindo, coa súa gracia de contar.
Mesmo nas páxinas deste xornal ten escrito Becerra no suplemento do San Xoán de Becerreá, sobre cousas das festas ou sobre a Banda das Nogais.
O acento fixo que cambiase a formación teatral en Madrid pola de Asturias e, logo, a de Barcelona
Por todo isto, cando acabou o bacharelato, unha das súas opcións era facer xornalismo, tras a recente apertura da facultade. Ou maxisterio por música, xa que viñan de crearse as especialidades e el estudaba no conservatorio.
Foi entón que o seu pai lle preguntou: "Pero a ti o que máis che gusta non é o teatro?". Así, os dous colleron unha pensión en Madrid, para que Afonso fixese as probas para a Real Escuela Superior de Arte Dramático (Resad). E alí foi onde lle dixeron ao pai de Afonso se era consciente do problema "engadido" que tiña o seu fillo, "o acento".
"Aquí non te van coller, temos que probar outro sitio", díxolle. E como tiña oído en Asturias, onde traballaba naquela altura, que alí había un teatro, chamou ao Campoamor, e deriváronos á escola de Xixón, onde Becerra fixo Interpretación. Logo estudou Dirección e Dramaturxia en Barcelona, onde tamén se doutorou. Hoxe dá clases nestas disciplinas na Esad, pero non deixou de escribir.
A crítica para Becerra
A crítica, para Afonso, ten moito de dramaturxia. De esmiuzar as pezas e conectalas con outros discursos sociais. Tamén é fundamental "para escribir a historia das artes escénicas", consciente de que unha cultura sen teatro é, como dicía Lorca, unha cultura coxa.
Por outro lado, móveo a precariedade do sector do teatro. "Penso que se non fose algo precarizado, non escribiría. Hai tamén un sentido de facer xustiza", comenta, de dar soporte crítico aos espectáculos, igual que o teñen os libros, os filmes, as exposicións.
Nese sentido, o premio en Portugal tamén é un espello que sostén nas mans. "En Almada coidan da crítica. Custean os gastos durante cinco días das persoas que escriben para o festival. O que se vai escribindo imprímese, para que o público poida lelo nunha sala de prensa", comenta.
A Becerra móveo a idea de facer xustiza polo teatro e polo sector precarizado
Recorda que a Revista Galega de Teatro non ten ningún tipo de axuda, só na edición de libros. "Habendo teatros en Galicia, por que non poñen publicidade das programacións culturais? Lugo si que o fai, e algo A Coruña, pero eu faría un chamado a centralizar na revista as programacións. É unha revista que no 2023 cumpriu 40 anos, e tamén sería bonito que estivese nos teatros, non? Se a subscrición non é nada!", indica Afonso, para que alguén se mire nese premio, nese premio que tamén é un espello que sostén nas mans.
Un galardón en memoria de Carlos Porto
O artigo Dentro do Covil, sobre a peza A equipa, que se pode ler na Erregueté, é o que lle valeu a Afonso o premio Carlos Porto, que leva o nome do xornalista, crítico, poeta e tradutor portugués finado no 2008.
Unha amizade
Afonso fíxose moi amigo da viúva de Porto a raíz da súa presenza no festival e dunha bolsa para estudar portugués en Lisboa. "O ano pasado puiden estar no seu estudio, coñecer máis a sua obra", comenta, polo que a entrega do galardón, da man de Teresa, foi "moi especial". María José Alvarán, amiga de Teresa, é quen sempre lle axuda coa corrección lingüística dos artigos.